Amado Carballo - O galo


O Galo

Abrell'as portas ao día
co-a chave do teu cantar
que xa na fonte da Lua
está lavada a mañán.

Bótall'o teu aturuxo
a paisaxe dend'o val
qu'o gran balbo das estrelas
cairá serodio no mar.

O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
alcéndelle unha fogueira
co lume da tua voz.

...........Amado Carballo, O galo, 1928.

Este poema, que ademais lle dá título ao libro, agacha unha coidada elaboración baixo a súa aparente simplicidade.

1. Fíxate na súa musicalidade, sinala en que elementos reside esta característica.
2. No hilozoísmo hai unha humanización dos elementos da natureza, neste poema mediante que recurso estilístico se leva a cabo. Sinala os versos en que podemos atopar esta característica.
3. Sinala algunha ou algunhas características que atopes na composición que che permitan afirmar que estamos diante dunha composición da época das vangardas e non de ningún momento anterior da nosa historia literaria.