Manuel Antonio - Navy bar

[Fotografía de Foto Fallo x1.6]
.

............
NAVY BAR

...ESTE bar ten balances
...E tamén está listo
pra se facer á vela

...Enchéronnos o vaso
con toda a auga do Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

...Pendurados das horas
...atlas xeográficos de esperantos
están sin tradución
...E tatexan as pipas
co ademán políglota das bandeiras

...Ese cantar improvisado
....................................é o mesmo
que xa se improvisou nalgures

...Quen chegou avisándonos
desa cita noiturna que temos
co vento ao N.E.
na encrucillada das estrelas apagadas?

...Eiquí bebe de incónito
O Mariñeiro Descoñecido
-sin xeografía nin literatura-
...A noite dos naufraxos
...co seu brazo salvavidas
...aferrará connosco unha vela de chuvascos

...O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas

...Polas rúas dispersas
ibámonos fechando
cada un dentro da súa alta mar

...No repouso dalgún vaso
tódalas noites naufraga o Bar.


  1. Este texto de Manuel Antonio insírese na parte dedicada á navegación dentro da súa obra De catro a catro, mais nesta ocasión o protagonista non está no barco rodeado de mar senón que realiza unha parada en terra. Le o texto e resume nunhas liñas o que che provoca.
  2. Explica mediante que procedementos consegue o autor lograr a identificación entre individuo e mar.
  3. Analiza como son as personaxes que habitan o mundo do Navy bar.
* Despois de faceres as actividade, podes atopar aquí un comentario completo do poema realizado por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.