Manuel Antonio - SÓS

[Dalí: Natureza morta con luz de lúa, 1925]

..................
SÓS

...FOMOS ficando sos
o Mar o barco e mais nós

...Roubánronnos o Sol
...O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

...Roubáronnos o vento
...Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa do horizonte

...Este oucéano desatracou das costas
...e os ventos da Roseta
ourentáronse ao esquenzo
...As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe
...Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singladura
...No cuadrante estantío das estrelas
ficou parada esta hora:
...O cadavre do Mar
fixo do barco un cadaleito

.....Fume de pipa......... Saudade
.....Noite...... Silenzo.... Frío
.....E ficamos nós sós
.....Sin o Mar e sin o barco
.....nós


  1. Este poema de Manuel Antonio insírese na parte dedicada á navegación dentro da súa obra De catro a catro. Le o texto e resume nunhas liñas o que che provoca.
  2. Analiza polo miúdo o tratamento do espazo e do tempo nestes versos. Como son un e outro? Responden a unha concepción tradicional? Xustifica a túa resposta.
  3. Esta composición contén tres dos versos máis famosos da literatura galega. Explica o seu significado.
    ...As nosas soedades
    veñen de tan lonxe.......
    como as horas do reloxe
  4. Localiza no poema diferentes imaxes simbólicas e explica o seu significado.
  5. Por último, sinala que características atopas no texto que che permitan clasificalo como unha produción vangardista.
* Despois de faceres a actividade, podes atopar aquí un comentario completo do poema realizado por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.