BRETÓN, André: Manifesto surrealista


MANIFESTO SURREALISTA

(fragmentos)

Aínda vivimos baixo o imperio da lóxica, e precisamente a iso quería chegar. Con todo, nos nosos días, os procedementos lóxicos tan só se lle aplican á resolución de problemas de interese secundario.
[...]
Con toda xustificación, Freud proxectou o seu labor crítico sobre os soños, xa que, efectivamente, é inadmisible que esta importante parte da actividade psíquica mereza, polo momento, tan escasa atención.
[...]
Creo na futura harmonización destes dous estados, aparentemente tan contraditorios, que son o soño e a realidade, nunha especie de realidade absoluta, nunha sobrerrealidade ou surrealidade, se se lle pode chamar dese xeito. [...] No ámbito da literatura unicamente o marabilloso pode dar vida ás obras pertencentes a xéneros inferiores, tal como o novelístico, e, en xeral, todos os que se serven da anécdota.
[...]
En homenaxe a Guillermo Apollinaire, quen morrera había pouco, e quen en moitos casos nos parecía obedecer a impulsos do xénero antes devandito, sen abandonar por iso certos mediocres recursos literarios, Soupault e mais eu démoslle o nome de SURREALISMO ao novo modo de expresión que tiñamos ao noso alcance e que desexabamos comunicar canto antes, para o seu propio beneficio, a todos os nosos amigos.
[...]
Fixeron profesión de fe de SURREALISMO ABSOLUTO, os seguintes señores: Aragon, Baron, Boiffard, Breton, Carrive, Crevel, Delteil, Desnos, Eluard, Gérard, Limbour, Malkine, Morise, Naville, Noll, Péret, Picon, Soupault, Vitrac.
[...]
SEGREDOS DA ARTE MÁXICA
DO SURREALISMO
[...] A primeira frase ocorrerásevos por si mesma, xa que en cada segundo que pasa hai unha frase, estraña ao noso pensamento consciente, que desexa exteriorizarse.
[...]
O idioma foille dado ao home para que o use de xeito surrealista. [...]
Esta linguaxe sen reserva á que sempre procuro dar validez, [...] dáme unha extraordinaria lucidez, e faino no terreo en que menos podía esperalo. [...]
As formas da linguaxe surrealista adáptanse aínda mellor ao diálogo. No diálogo, hai dous pensamentos fronte a fronte; mentres un se manifesta, o outro se ocupa do que se manifesta... [...]
O surrealismo poético [...] ocupouse [...] de restablecer na súa verdade absoluta o diálogo, ao liberar os dous interlocutores das obrigas impostas pola boa crianza. [...]
O surrealismo non lles permite a aqueles que se entregan a el abandonalo cando mellor lles praza. Todo induce a crer que o surrealismo actúa sobre os espíritos tal como actúan os estupefacientes; do mesmo xeito que estes crea un certo estado de necesidade e pode inducir o home a tremendas rebelións. [...]
[...] a atmosfera surrealista creada mediante a escritura mecánica, que me esforcei en pór á disposición de todos, préstase de xeito moi especial á produción das máis belas imaxes.
[...]
Tanto se se quere coma se non, aí hai materia para satisfacer moitas necesidades do espírito. [...]
O espírito que se mergulla no surrealismo revive exaltadamente a mellor parte da súa infancia. [...]
O surrealismo, tal como eu enténdoo, declara o noso inconformismo absoluto coa claridade suficiente para que non se lle poida atribuír, no proceso ao mundo real, o papel de testemuña de descargo. [...] O surrealismo é o «raio invisible» que algún día nos vai permitir superar os nosos adversarios.