Vicente Risco - U... ju ju...


En xaneiro de 1920, en A Nosa Terra, Vicente Risco publicaba este poema futurista. O ourensán vai ser un dos principais espalladores das vangardas en Galicia a través das súas colaboracións na revista que son un estímulo para novos escritores como Evaristo Correa Calderón, Euxenio Montes, Álvaro Cebreiro ou Manuel Antonio.

Se ben esta composición é un feito excepcional dentro da obra do autor, nela emprega características plenamente vangardistas como:
- Utilización de distintos tipos de letra.
- Supresión da puntuación ortográfica.
- Supresión da disposición lineal do discurso.
- Utilización do procedemento caligramático
en escaleira moi do gusto da vangarda futurista.
- Emprego de siglas (os puntos cardinais).
- Utilización de palabras estranxeiras.
- Emprego de terminoloxía técnica e maquinista con presenza dos novos inventos.

O de Ourense exerceu unha notable influencia sobre os vangardistas galegos, xa non tanto pola súa propia obra como polo feito de darlles a coñecer aqueles autores europeos que no momento cultivan as novas letras.

(Clica sobre a imaxe para agrandala e poder ler ben o poema.)