Castelao: Unha rúa nun porto lonxano


...UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...

...Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.

...O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!

...E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:

...................Lanchiña que vas en vela,
...................levas panos e refaixos
...................para a miña Manoela.

...O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

...................Lanchiña que vas en vela,
...................levas panos e refaixos
...................para a miña Manoela.

...i¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
...O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:

...................¡Lanchiña que vas en vela!

...Tamén o taberneiro era galego.

* Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence á súa obra Cousas (1926).

* Aquí podes atopar unha curtametraxe baseada neste texto de Castelao e realizada por estudantes.