Manuel Antonio - Manifesto Máis Alá

[Alexander Ródchenko: Libros, 1924]

Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro

Manifesto "Máis alá" (1922)

Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa Terra.


O xesto
Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios.
Case todos eles tencionan arrecadar adeptos para algún novo ismo que aparece querendo ser a derradeira verba da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un esnobismo operetesco invade a Literatura.
Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacable contra os vellos.


Os vellos

Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos. E a lei de sucesividade que nos fai respetar aos devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa innabil da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe. Esta gafuara, de ser leigada a si mesma, debera irse, por exemplo, a Madrid, metrápole peninsular da barbarie civilizada, onde a súa teimosía anti-cronolóxica encadraría moi ben, completando aquel ambiente de inferioridade. Pero é a nosa desgracia que non só non fan iso senón que aínda teñen o pretendemento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é o que non pode seguir sendo.

A nosa razón

Non é que nás adoezamos do tan extendido andacio de desbotar o vello por sistema e sen razón, cousa que se ve facer a miúdo ás Juventudes doutras terras. É que xa vai tendo carácter crónico a atrofia de sensibilidade na maioría dos que escriben en galego, e arneázanos o contaixo do pobo se non se atalla o mal, Este contaxio arrepiente será unha realidade se a xeración galega que hoxe medra ó acougo das Irmandades Nacionalistas, chega a tomar por mestres de sensibihdade os nosos prestixos literarios.

Tida en conta a importancia primordial que a Arte ten nos rexurdimentos raciais (miudean os movementos nacionalistas que comenzan polo arredismo artístico) chegaremos a coidar senón fracasado polo menos de remota eficacia o actual movemento rexurdente na Galicia se non se consegue un troque radical no aspecto da nosa Literatura. Porque é pretender andar cos pés atados o tratar de libertarnos dos trabamentos externos sen facer antes o mesmo coa podredume interior.

O ruralismo

Os nosos poetas, dende os precursores ata os seus herdeiros actuais, non serviron máis que para embrutecer o noso sentimento. Esta verdade, espallada aos catro ventos, sería o verdadeiro comenzo da loita xeral galeguista, Porque o voluntario castramento espiritual e colectivo que supón na Galicia a existencia do caciquismo. da ignorancia. do renunciamento á vida e á dignidade, cómpre anulalo antes que no terreo pohtico-social, no senso estético.

Unha conveniencia estética pura e enxebre é o primeiro paso da volta a nás mesmos. E o máximo crime de lesa patria é un verso dese xeito que pregoan as ras da lagoa académica querendo irnpor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e ceibista. Porque ese fato de eunucos literarios, de espírito choldo e ateigado dunha declamatoira cursilería palabreira, son os que farán arrenegar de si mesmo a calquera bo galego de espírito amplexo e depurado que coide ver neles a alma da raza.
Mentres que tódalas culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acá, mausoleos de escuridade encol dese xeito de mortos en vida, ¿que espectáculo é o que damos en Galicia?
Momias que fan esculturas á súa imaxe e semellanza. Mentres eles, cinguidos ó pasado, seguen cicelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquedanzas, unha nova figura, grotesca quizais pero nova ó fin, para retábulo dos tempos.

Os devanceiros

Diciamos no comenzo que respetábamos os devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado este respeto nin na admiración nin na inferioridade nosa. Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. 0 noso respeto vén de que eles non tiveron culpa de vivir nun tempo de choída incultura castelá.

Inda que nos esforzaramos por atopar algo de bo nos precursores, o noso trabarlo sería infructuoso. Nós non podemos ollar sen carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ese interés en converter o galego na fala intérprete de tódalas indecencias e vulgaridades que tiveron Losada e a maioria dos "mestres" menores. Nin a baldeirez verbalista, importación madrileña e con isto xa se di todo, de Curros. Non podemos prestar a nosa louvanza á socorrida e ridícula "posse" do falso romantismo, enfermidade de moda naquel tempo, que chegou a deslucir algunha das páxinas verdadeiramente nosas, grandes e persoais de Rosalía. Nin interesarnos polo estreito xeito de Pondal, que tan só puido ser un imperceptible eco da grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica. 0 herdo dos devanceiros redúcese pois a un exemplo de vontade e patriotismo, espido de toda eficacia literaria como non sexa pola reacción que produce o desagrado.

II
"Pollitos bien"


Comenzaremos invocando a Valle-Inclán. Mestre: Chamámoslie mestre por ser vostede o "mestre" da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa cobardía do debre tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ó forte. Non tería o seu nome acolleita nestas liñas se quixeramos tan só chamarfle aquilo. Pero ten que ser ó falar dese fato de cabezas focas, nenos "foulard e de rubi", engaiolados polo innegable prestigio da prosa e da ridícula mentira dunha epopeia aventureira que vostede, unha e outra, falsifican. Sabemos que con intermedios himnarios ó Gran Pontifice da baldeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramón ...) entran a estrago pola fala meseteira, con gran desprestigio dela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxiada, e que a vostede lle debemos o telos levado para "alá". Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos.

Agora, o que quixeramos conseguir da súa incensada personalidade sería que intensificase a campaña castelanizante porque nos arrepía o pensamento de que eles se coidasen chamados por estas nosas verbas de mocidade e chegase algún a desertar de la "lengua de Cervantes" para vir a baldeirar na nosa Fala as produccións do seu serrín encefálico. Esto estaría moi mal. Mal para o castelán, idioma oficial da cursilería, que, polo mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal para o galego, digno de moita meflor sorte. E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexámosvos cordialmente que calquera día vos publiquen un verso na derradeira fofia dunha desas indixentes revistas madrileñas, doada palestra dos vosos esforzos, que é o máximo desiderátum voso, Madrid precísavos para personaxes da súa opereta.

Tamén hai outros

Hai os que teñén algún valor e desménteno expresándos en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Extranxeira por extranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta. Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora. Hai os dunha certa clase derradeira, dos cales abonda con... non falar deles.

III
Nós


Despois de ter dito que non traernos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estarnos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.

Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros caminos poden ser nosos. A Novidade que enxerguemos é tan só un anedamento, un ceibamento do pasado sen a definición da súa resultanza: isto é arbitrariamente persoal.
E aquí cómpre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte dos novos "movementos" literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquecen unha daquelas dúas bases. Ou son un negamento non só do pasado se nón de tódolos tempos e tódalas cousas, dende o bo gusto ata a razón máis rudimentosa, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos preceptos, todo o novos que se queira pero pouco respetosos, dende logo, coa anárquica dilecn individual.

A fala

Tamén nos temos, inda que noutra orde, os nosos imperativos, e comenzamos pola máis agresiva intrasixencia na Fala. Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas; que non sufrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que; a -emparedasen nun feixe de regras como quen garda un mito en sete uchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorables posibilidades porque o seu estado ceibe permitiralle axeitarse a tódalas navidades, a tódolos variamentos porviristas que tome o noso gusto. E consentirafle o seu indelineamento ser cicelado de xeito que ela sexa un instrumento do artista e non el escravo dela.
Pero hai aínda unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio. Esta nosa exaltación do Verbo tamén quere dicir algo ós vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbridos, bilingües queremos dicir, que fan da literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, arrecada o galego cada vez que quere dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán para cando coidan ("eles") que están en razón. A maximidade da devoción que temos pola nosa Fala, pódelles dar a medida do desprecio que sentimos por eles.

Desbotando

Arrenegamos de mestres e dos seus consellos. Toda voz allea tende a excusar a nosa sinceridade. que é sagra porque é a nosa vida e debemos espertala a non ser desleigados a nos mesmos. Arrenegamos da Lei e do Costume. Cada importa alleeira vén a roubarlle á nosa mocidade unha á. Arrenegamos dos temas obrigados. É vergoñoso falar da escravitude da Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulala. 0 pranto e a elexía, fixeron coidar ós alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadáns da futura República Gale gardemos os nosos cantos patrióticos para o día en que deamos o vento a sua Bandeira e non poidan ser testigos da cobardía e da mansedume. A literatura paisaxista ó deito de fotografía iluminada con notas de turista burgués é a maior caloña da nosa paisaxe, que aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretada. Arrenegamos de toda imitanza. A dos vellos en nome da Vida; a dos nosos en nome da Novidade.


Individualismo.

Consagramos a individualidade ata o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome.

IV
¡Mocidade!


Agora cómprevos dicir, mozoa da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.
Se queredes libertarvos do xerme da veller e da morte. Se queredes adonarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos.
Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!


(Fonte: Galicia Espallada). Salientáronse en negriña as partes do manifesto consideradas máis reveladoras da intención dos autores.)


Ofrecémosche unhas cantas preguntas cuxas respostas che poden dar as claves de interpretación deste xa simbólico texto da nosa historia literaria:

  1. Que consideración teñen os autores dos vangardistas?
  2. En que se diferencian os vellos dos devanceiros?
  3. Que tipo de expresións literarias ataca expresamente o manifesto?
  4. Que autores ataca expresamente o manifesto?
  5. En que din diferenciarse dos outros?
  6. Realizan algún tipo de proposta concreta?