Hilozoísmo - Amado Carballo


A identificación coa paisaxe é constante na cultura galega, e fúndese no primerio terzo do século XX coas tendencias literarias procedentes de diversas escolas, dando como resultado o Hilozoísmo ou Imaxinismo (do que Amado Carballo é o fundador e máximo representante).

Os precedentes máis inmediatos deste movemento son a lírica paisaxística de Cabanillas e Noriega.

Mais esta corrente non se pode considerar plenamente vangardista pola súa ligazón coa tradición poética interna, o conservadurismo da rima e o emprego de metros populares.


Luís Amado Carballo deixou a seguinte obra poética:
Proel (1924): Publicado en vida, consta de 35 composicións máis un limiar no que o autor plasma a súa vontade de aunar tradición e renovación sen perder o compromiso coa terra.
O galo (1928): Este libro publicado postumamente consta de 17 poemas e segue as liñas estéticas do anterior.

Características da súa obra:
* Lírica a medio camiño entre a tradición (da que toma o tema da paisaxe, a personificación da natureza e das súas forzas presente desde a Idade Media e o gusto polo mundo da terra) e as vangardas (creación de novas imaxes).
* Humanización da paisaxe mediante unha pintura impresionista cargada de cores amables, que lles dá aos poemas un aire sensorial e lúdico. A técnica que utiliza para describir as paisaxes asemélla-se á dun pintor naïf.
* Sensorialidade como característica máis destacada. Imaxe, metáfora e símil imprímelles matices sensoriais aos seus poemas que non son outra cousa que instantáneas paisaxísticas.
* Mestura imaxes de raíz vangardista con metros e ritmos populares para ofrecer deste xeito unha visión plástica, e animada, da paisaxe.
* Ausencia de artificios sintácticos, brevidade nos períodos e uso de oracións simples.
* Cosmopolitismo lingüístico con entrada de estranxeirismos
* Influencia clara do Ultraísmo que impón a supresión do argumento, a anécdota e do sentimento xa que o poema debe ser a resposta instantánea a un estímulo. Instantaneismo,- brevida-de e riqueza imaxinista son características que o autor comparte con esta corrente vangardista.
* Neopopularismo que entronca cos primeiros Alberti e Lorca.

Fronte ao que aconteceu con Manuel Antonio, que supuxo unha ruptura en solitario, a influencia do hilozoísmo de Amado Carballo na poesía galega será considerable (Eduardo Blanco Amor, Euxenio Montes, os irmáns Álvarez Blázquez, etc.) e non só naqueles anos.

Le agora os poemas Taberna e O galo de Amado Carballo para estudar as características da súa obra.